A letra do reino
Informe

A memoria do Reino de Galiza a través dunha tipografía galega medieval de base documental

Miguel García-Fernández (IEGPS, CSIC-XdG / ILG-USC) Ricardo Pichel (UAH / ILG-USC)

O reino de Galiza conforma durante o período medieval un espazo político-territorial de primeira orde, cada vez máis e mellor coñecido e recoñecido. Para a recuperación da súa historia e as realidades sociais, económicas, políticas, relixiosas e culturais que se desenvolveron no seo do reino, as fontes documentais constitúen un piar fundamental, ás veces único, desde as que observar o seu devir histórico e tamén o seu protagonismo máis alá do propio territorio galego.

A pesar de que até tempos recentes –e moi especialmente durante a Idade Media– as tasas de alfabetización eran baixas, reducíndose a unha elite letrada –en boa medida eclesiástica, máis non en exclusiva– a capacidade para ler e escribir, o certo é que conforme avanzamos polos séculos medievais a documentación escrita incrementouse notablemente, sendo abundantes as fontes documentais conservadas, moito máis que noutros espazos ibéricos. Á hora de elaborar estas fontes, a minoría letrada mostrouse claramente conectada coas realidades culturais da súa contorna e europeas. Desta forma, os modelos e tipoloxías de escrita documentados no reino de Galiza durante a Idade Media non son un produto cultural illado, senón a constatación plena da integración do vello reino nas realidades culturais do momento. De feito, cómpre ter en conta a dinámica circulación dos principais axentes da nosa escrita polo conxunto de espazos político-territoriais peninsulares –especialmente no que ten que ver cos principais lugares de circulación e asentamento das cortes rexias– e tamén europeos, entre os que destacan os territorios italianos –con Roma á cabeza, especialmente a raíz da progresiva consolidación do poder pontificio, co que a Igrexa galega tivo relacións directas, claramente evidenciadas no caso e nos tempos de Diego Xelmírez– ou franceses. Todos estes contactos redundan nun contexto de non illamento cultural de Galiza e, consecuentemente, na participación dos nosos axentes culturais nos principais ciclos escriturarios analizados por paleógrafos, filólogos e historiadores desde a chamada “visigótica” altomedieval –para autores como Anselmo López Carreira denominada así impropiamente1–, pasando polas diferentes góticas cursivas –fracturadas ou redondas2– dos séculos XIII e XIV, até o multigrafismo de finais do século XV e do século XVI, estudados recentemente en espazos como o compostelán por Adrián Ares Legaspi3. Non obstante, a non exclusividade galega no uso dunha determinada tipografía á hora de poñer por escrito os numerosos documentos elaborados durante os nosos séculos medievais non implica que non se detecten particularismos gráficos de carácter local ou rexionais dentro do vello reino. É precisamente aquí onde parte a proposta de inspiración tipográfica para o proxecto da “Letra do Reino de Galiza”, poñendo o foco de atención nas diversas iniciativas escriturarias desenvolvidas, en boa medida, de maneira endóxena en diferentes rexións do territorio galego. Neste sentido, unha primeira aproximación á materialidade gráfica documentada durante o período de consolidación do galego como lingua escrita autónoma (fundamentalmente entre a segunda metade do século XIII e finais do século XV) permitiunos detectar scriptae documentais até certo punto diferenciadas dentro do amplo abano de tipoloxías escriturarias galegas, entre as que destacan algunhas particularmente coidadas e de notable claridade, que presentan, ao mesmo tempo, algúns trazos singulares.

Nesta proposta de inspiración para a creación dunha tipografía pensada por e para Galiza que mire cara o noso pasado medieval, quixemos salientar unha modalidade de gótica cursiva fracturada, característica de finais do século XIII, asociada ao notario público ourensán Xoán González, oriúndo de Ramirás, na comarca da Terra de Celanova.

Un documento en concreto deste notario, conservado actualmente no Arquivo de San Paio de Antealtares, mais procedente do mosteiro bieito feminino de San Pedro de Ramirás (ASPA, Pergamiños, Caixón 5, Mazo 1C, nº 50), considerouse un exemplo representativo e especialmente suxestivo para elaborar a partir del unha grafía propia para Galiza que teña en conta e se inspire directamente nos produtos escritos en lingua galega que, como neste caso, serviron para recoller actuacións xurídicas sumamente expresivas da nosa realidade socio-económica, caso, por exemplo, do sistema foral. En todo caso, ademais de aspectos estéticos e de claridade –fundamentais para a elaboración dunha proposta gráfica moderna e destinada á sociedade actual–, outros factores históricos e historiográficos motivaron esta escolla. Así, fronte a grandes centros de produción escriturarios como as sedes catedralicias –e moi especialmente a do Arcebispado de Santiago–, cómpre reivindicar as realidades máis locais, fundamentalmente rurais, que dominaron de maneira hexemónica no reino de Galiza. O caso de Ramirás pode considerarse representativo, uníndose ao feito de asentarse aquí unha institución monástica feminina, algo que convén destacar ante o silencio que durante moito tempo reinou na historiografía monástica xeral, máis orientada ao estudo dos grandes centros masculinos como San Salvador de Celanova, San Xulián de Samos ou Santa María de Sobrado dos Monxes, que dos femininos de tamaño medio ou inferior, como o xa citado caso de San Pedro Ramirás ou o de San Salvador de Sobrado de Trives. Neste último caso, ademais, analizouse e confrontouse a modalidade escrituraria do notario Aparicio Eanes –dada a súa afinidade coa empregada por Xoán González–, que traballou nas terras de Trives e Caldelas, ao redor tamén do mosteiro de Santa María de Montederramo.

En definitiva, no marco da reivindicación do estudo e do pasado do reino medieval de Galiza impulsado ao abeiro das axudas concedidas pola Deputación da Coruña, a procura dunha proposta tipográfica propiamente galega, inspirada na cultura escrita documentada na nosa terra durante os séculos medievais, supón un chanzo máis na proxección sobre o noso presente e futuro do gran legado cultural que herdamos dos nosos devanceiros e devanceiras.

A pesar da inexistencia dunha modalidade escrituraria propia ou exclusiva do reino medieval de Galiza –pois, tanto nese, como noutros aspectos, o territorio galego nunha permaneceu illado nin á marxe dos grandes movementos culturais do Occidente medieval—, as fontes documentais dese século XIII no que o galego pasou a converterse na principal lingua da escrita en Galiza pódennos servir de inspiración para deseñar unha tipografía propia. Para a proposta que aquí se presenta, consideramos que a documentación de finais do século XIII do notario público de Ramirás Xoán González poderá ofrecer interesantes matices gráficos de gran beleza a partir dos cales crear unha nova e moderna tipografía galega. Entre outros trazos quixemos salientar a claridade e a fermosura do seu trazado sobranceiro –só comprometido no trazado dunhas maiúsculas que deberán ser repensadas e refinadas, posiblemente a partir dos modelos correspondentes ás minúsculas–, o seu uso en textos redixidos na lingua da terra, a pertenza a unha materialización escrituraria con certas particularidades locais pero á vez conectada cos documentos producidos polos notarios e escribáns noutras áreas galegas, sen esquecer o valor simbólico de estarmos ante realizacións gráficas dunha escrita que evidencia, tamén, o destacado papel e poder de centros monásticos dirixidos por mulleres, como o mosteiro bieito feminino de San Pedro de Ramirás. Letra, lingua e sociedade son piares básicos das múltiplas scriptae que se documentan no conxunto do reino de Galiza ao longo do período medieval. Aquí xorde unha proposta nova para Galiza inspirada na nosa Idade Media. A Idade Media dun reino, cunha historia de seu sumamente rica, que debemos e podemos recuperar e contar.  


1. Anselmo López Carreira, Arte e escritura na Galicia medieval (séculos VI-X), Vigo, Xerais, 2019.
2. Partimos da acomodación ao ámbito ibérico que fixeron, entre outros, María Josefa Sanz Fuentes (“La escritura gótica documental en la Corona de Castilla”, en María Josefa Sanz Fuentes / Miguel Calleja Puerta, coords., Paleografía II. Las escrituras góticas desde 1250 hasta la imprenta, Oviedo: Universidad de Oviedo, 2010, pp. 107-126) do esquema terminolóxico formulado por Gerard I. Lieftinck nos anos 50 (“Pour une nomenclature de l’écriture livresque de la période dite gothique”, en Bernhard Bischoff / Gerard I. Lieftinck / Giullio Battelli, orgs., Nomenclature des écritures livresques du IXe au XVIe siècle, Paris, CNRS, 1954, pp. 15-34). Para as especificidades da escritura gótica galega son referenciais, entre outros, o pioneiro traballo de Manuel Lucas Álvarez, “Características paleográficas de la escritura gótica gallega: escritos notariales compostelanos”, Cuadernos de Estudios Gallegos V/15 (1950), pp. 53-86; ou a achega de Beatriz Vaquero Díaz, “Características gráficas da gótica cursiva documental do mosteiro de Celanova na Baixa Idade Media”, en Miguel Romaní / María Á. Novoa (eds.), Homenaje a José García Oro. Santiago de Compostela, Universidade, pp. 331-341.
3. Adrián Ares Legaspi, “Os modelos gráficos empregados polos escribentes non profesionais do cabido da Catedral de Santiago de Compostela no século XVI”, Annuarium Sancti Iacobi, 6 (2017), pp. 111-128, “La introducción de la escritura humanística en la Iglesia de Santiago de Compostela: fechas, protagonistas y características” en María Luisa Pardo Rodríguez (coord.), Iglesia y Escritura en Castilla (siglos XII-XVII), Sevilla, Universidad de Sevilla.2019; “La escritura mixta francesa en Santiago de Compostela: evolución, usos y características”, Anuario de Estudios Medievales, 51, 2 (2021), pp. 533-562 ou, entre outros traballos, Las escrituras híbridas. Un filón gráfico en la Compostela del siglo XV, León, Universidad de León, 2022.

PREME NA IMAXE PARA DESCARGAR