Se tiveramos que significar unicamente un dos moitos símbolos que nos identifican e singularizan como pobo, o noso idioma, a nosa lingua, a nosa fala, sería a referencia unánime para o conxunto de habitantes do noso país. A peripecia vital da lingua romance do noroeste ibérico mimetízase coa saúde colectiva da nación que a sustenta: nos seus periodos de esplendor e nos seus séculos de persecución, no seu rexurdimento e na súa incorporación á modernidade, no seu decaimento entre a mocidade e nos seus retos de futuro. Pero Galiza ten ademáis multitude de elementos que nos retratan como país, dende o románico xenuinamente galego ás cerámicas do Castro, pasando polo solpor barroco, a nosa relación co mar, unha gastronomía maiestática, o megalitismo, o entroido do Ulla ou os murais de Lugrís.
Fóra destes, algúns outros dos nosos sinais de identidade máis notábeis gardan unha íntima relación con ese primeiro estandarte, o galego: dende a poesía de Rosalía, toda ela convertida en figura totémica, ao teatro contemporáneo, dende as regueifas á última novela de Rivas, pasando polos cantares de cego ou as cantigas de santa María.
Durante case milenio e medio, un milenio dentro do periodo alto e baixo medieval, Galiza existiu como reino, realidade esta obxetiva, inopinábel, aséptica e incontestábel. Foi durante ese periodo que naceu e floreceu o noso idioma, recollendo o testemuño do latín e accedendo en plenitude de usos, ao rexistro culto, á escrita.
Do mesmo xeito que, primeiramente na oralidade, a lingua de Roma transformouse no noso país nun romance singular e distinto, do mesmo xeito que o noso xenio colectivo soubo, dende a creatividade, adaptar e interpretar sucesivas tendencias artísticas chegando incluso a crear universos creativos propios; fomos os galegos capaces de simbiotizar lingua e creación artística alumeando unhas tipografías propias que nos identificaron e valorizaron como nación, pois ademáis do poder creativo, son mostra inequívoca do poder político que Galiza tiña no momento.
Son moitos os factores, os máis deles con pouco de casuais ou inocentes, que nos axudarían a comprender o por que do descoñecemento xeralizado existente na propia Galiza sobre a historia de Galiza, sobre a existencia de Galiza como reino. Lagoas de memoria que afectan a elementos fundamentais do que foi a vida e a existencia do reino de Galiza, non custa caro imaxinar até onde chega esa amnesia colectiva nunha cuestión tan puntual e en apariencia secundaria, como pode parecer a existencia dunha tipografía galega propia.
A maiores, e xustamente derivado do anterior, a histórica precariedade de medios suplida en grande medida por doses inxentes de voluntarismo e boa vontade deu paso nas últimas décadas a unha flagrante deixazón de funcións por parte do poder institucional, resultando de todo elo un panorama certamente confuso, onde non é doado visualizar, con rigor e criterio, a existencia dunha tipografía galega propia.
Hoxe, en ausencia dun goberno galego digno de tal nome, temos que felicitar o esforzo titánico da Área de Cultura da Deputación da Coruña por querer dar a coñecer a existencia do reino medieval de Galiza, esforzo que se concreta na iniciativa que hoxe nos convoca, iniciativa que apadriña o proxecto que hoxe, modestamente presentamos.
Queremos simplemente sin máis, que non é pouco: primeiramente, definir e identificar aquelas tipografías que, xenuinamente nosas, foron empregadas na Galiza medieval. Seguidamente pretendemos completalas adaptándoas aos estándares dos caracteres alfanuméricos de uso actual para, logo de dalas a coñecer, poñelas finalmente a disposición do conxunto da sociedade en diversos soportes informáticos con acceso libre e universal.
Todo coa intención de que sirvan para poñer en valor a nosa historia, pero tamén e sobre todo, o noso presente e o noso futuro: a aspiración última é que, con criterio científico e con criterio artístico, a tipografía galega estexa presente na nosa vida colectiva como pobo: na sinaléctica e na publicidade, no papel e nas redes sociais. Sen complexos e sen medos, porque o único complexo, o único medo, que como galegos e galegas poderíamos ter, é o de termos a responsabilidade coa nosa historia, de sermos o primeiro reino da vella Europa. Escribamos pois e dunha vez para sempre a nosa historia, fagámolo eso si, coas nosas propias letras.